11/10/17

I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL DO CONCELLO DE ARES


O Concello de Ares a través da súa concellería de cultura organiza o I Concurso de fotografía xuvenil do noso concello, do que sairán as 6 fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do 2018 que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.
O obxectivo deste concurso é convidar á xuventude a utilizar a nosa contorna como contexto onde recoñecer a súa herdanza a través das imaxes, despertanto  a capacidade de observar todo o que lles rodea e recoñecerse en pequenas historias e/ou paisaxes que dean conta do seu vencellamento como memoria colectiva desta vila. En concreto, invítase a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos e situacións da nosa contorna que consideren parte da súa identidade.

Quen pode participar?: Xente nova de 8 a 18 anos empadroada en Ares.

Cómo participar?:  Poderanse enviar un máximo de dúas fotografías en formato dixital e sen retocar ao enderezo electrónico: concursofotografia@concellodeares.com. Xunto ás fotografías remitirase o formulario de solicitude de participación e de identificación das fotografías cubertos, asinados e escaneados.
Prazo de entrega:  Dende o luns 16 de outubro ata o luns 6 de novembro ás 19.30 (ambos inclusive)

                                         De tódolos xeitos aquí deixamos as bases completas do concurso.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!





4/10/17

Como identificar noticias falsas – IFLA

A IFLA (International Federation of Library Associations and Institutions) publicou hai un tempo esta infografía na que se lembran algúns aspectos a ter en conta á hora de valorar a información e a fiabilidade das noticias: How To Spot Sake News

Traducida ao galego, lembrámola nestes comezos de curso como unha ferramenta para a imprescindible alfabetización en información, na que podemos ir introducindo ao alumnado desde ben pequenos, e aproveitando o interese polos temas que xorden no medio ou no transcurso das investigacións que realicen nas diferentes fases dos seus traballos.  (Agradecemos a Manuel Iglesias Fernández a tradución ao noso idioma).

2/10/17

PINOCCHIO SON EU

O venres 29 de setembro os nenos e nenas de primeiro e segundo curso de educación primaria saímos de visita á Casa da Cultura de Pontedeume. Alí nos esperaban Nino "Pinocho" e os seus pais para amosarnos unha marabillosa exposición educativa de arte. Unha visita guiada onde nos permitiron experimentar grandes momentos da fantástica aventura de Carlo Collodi xunto coas obras orixinais e interactivas realizadas en papel e cartón, pola artista Catarina Capim.

Pasámolo xenial!!



25/9/17

O NOSO EQUIPO DE COLABORADORES

E xa temos as fichaxes deste ano: un equipo de 27 colaboradores da biblioteca que comenzarán o seu labor o próximo luns 2 de maio. O mellor equipo do mundo.

21/9/17

ESTAMOS EMPEZANDO...

Xa queda pouco para que a nosa biblioteca abra as súas portas. Levamos toda a semana con sesións de formación dos colaboradores e xa contamos cun gran equipo de profesionais dos cursos de quinto e sexto. Ídevos preparando que a próxima semana abrimos. Seguiremos informando.

20/9/17

Aprender a pensar coa biblioteca escolar


Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezos do curso 2017/2018 con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a  interpretación gráfica do lema anual. 
A experiencia de Xosé Tomás como profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), centro que conta cunha biblioteca moi activa, sen dúbida está detrás da amplitude de posibilidades que imaxina na súa recreación  gráfica.
Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.
Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. 

18/9/17

BENVIDOS AO NOVO CURSO 2017-2018

Xa estamos de volta!. A biblioteca de novo abre as súas portas.
O verán rematou e queremos empezar o novo curso con alegría.














Aínda que seguro que moitos de vós non deixastes de ler nestas vacacións, animámosvos a visitar desde primeiros de outubro a nosa biblioteca escolar.
Temos moitos proxectos na cabeza para poder traballar ao longo do curso e para levalos a termo, contamos coma sempre coa vosa colaboración.
E sobre todo o noso obxectivo é VOLVER a ofrecerche recursos atractivos, maxia, misterio, animacións... posibilidade de elaborar proxectos,de documentarte,de ler e escribir,de coñecer escritores,de tomar prestados libros,de fomentar valores,de gozar e aprender co noso concurso “O Preguntón”... Alegría e diversión non che faltarán.

Achégache á nosa bibliotec@, nela atoparás un mundo de información e diversión.




27/6/17

Entrega de premios do I Concurso " Cantamos con las manos "

Como sabedes o noso cole presentouse ao I Concurso  "Cantamos con las manos" convocado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza (FAXPG) quedou gañador do mesmo xunto aos centros de Cambre e Guntín. Parabens a todos e todas e en especial á nosa infatigable Luísa Lombardero por ser a alma mater deste proxecto. 
O venres día 23 fixéromnos entrega do agasallo como gañadores.
Moitas Grazas a FAXPG.




14/6/17

E GAÑAMOS!!!!!!!!!

O vídeo que o noso cole presentou ao I Concurso  "Cantamos con las manos" convocado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza (FAXPG) quedou gañador do mesmo xunto aos centros de Cambre e Guntín. Parabens a todos e todas e en especial á nosa infatigable Luísa Lombardero por ser a alma mater deste proxecto.